CONGRESO ASPACK

O pasado 20 de Outubro Nuria (profesora de Impresión Gráfica no noso cole) e eu (alumna de 2º de Impresión Gráfica) aventurámonos polas estradas Portuguesas até chegar a Lisboa, convidadas pola ASPACK, á convención na que se reunían peixes gordos da industria do cartón en España.

Nada máis chegar recibiunos na recepción dun hotel de infarto, na que dúas medusas a modo de lámpada acompañou nosas comidas durante estes dous días de viaxe.

Esa mesma tarde, tras unhas horas de descanso nas que puidemos procesar as consecuencias da viaxe en coche, comezou a presentación do congreso, onde escoitamos tanto á representante da industria portuguesa como ao da española falar da importancia do traballo en equipo, de coñecernos a nós mesmos e os nosos obxectivos vitais.

Tamén nestas xornadas, ademais de distintas charlas tivemos a oportunidade de explorar e coñecer o mundo do Chi Kung, disciplina de meditación que nos axuda a conectar connosco mesmos e o que nos rodea.

Tras as conferencias e presentacións do primeiro día tivemos unha cea de presentación na que puidemos gozar dunha comida marabillosa e conversacións interesantes co resto de invitados da convención. E tras esta cea de luxo tocounos descansar e prepararnos para as charlas da mañá seguinte.

O venres pola mañá levantámonos nerviosas, pero con moitas ganas de triunfar ante o noso máis que esixente público e xunto ás medusas que nos deron a benvida o día anterior almorzamos antes de que desen comezo as conferencias do día.

Entre elas puidemos escoitar e aprender sobre economía mundial e nacional, o futuro do sector do cartón, as consecuencias que o covid tivo en leste e a súa realidade actual, así como o papel das mulleres e os novos empresarios no mundo do packaging de cartón.

E aquí é onde entramos nós, cando a media mañá tocounos intervir. Cos nervios a flor de pel subín ao escenario acompañada por Nuria e nunha breve exposición falei das preocupacións e intereses da miña xeración, tras o que Nuria dió unha intensa charla sobre a Cociña Gráfica, os seus alumnos e a paixón que a axuda a facer o seu traballo día tras día, e que conquistou os corazóns de todos os alí presentes.

Esa mesma tarde, tras indagar un pouco máis nos mundos do Chi Kung e participar nunha actividade colaborativa tocou un pouco de Networking, no que puidemos facer unha chea de contactos, con posibles colaboradores e até novos lugares que visitar. Cada vez máis preto de cambiar Lisboa polas estradas Portuguesas de novo, a directora de Kolokio mostrounos a importancia da innovación e os novos modelos empresariais, co que nos fomos do hotel, da convención e de Lisboa cun bo sabor de boca, e tras aprender unha chea de cousas interesantes, coa enerxía social desgastada (aínda que para ben) e levarnos unha chea de risas, momentos chulísimos e máis cartóns de visita, collemos o coche e puxémonos en marcha cara a Galicia, pechando esta viaxe e este episodio das nosas vidas.

Ízar Magallanes 2ºIMPGRAF

 

nuria

Author: nuria

Share This Post On