BANCO DE ALIMENTOS

Aínda queda esperanza na bondade das persoas, podería ser un bo resumo do que Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos de Vigo, transmitiunos o pasado xoves no Colegio Hogar Afundación.
Non quixo facer unha memoria chea de datos, senón que transmitiu de corazón aquilo que tantos voluntarios/as viven semanalmente e reforzouno con algúns datos necesarios para axudarnos a entender cantas familias, algunhas próximas a nós, necesitan a axuda do Banco de alimentos para poder ter un prato de comida na mesa.
Estes datos, se sempre foron altos, debido á pandemia víronse incrementados en exceso. Familias enteiras que quedaron de Erte, que seguen en paro pola escaseza de postos no mercado laboral ou, simplemente, aqueles que viron as súas vidas cambiar da noite para a mañá polo peche dun negocio, como apuntaba Iván, son as que máis necesitan destes servizos e non, como ás veces pénsase, as persoas que vemos ás portas dos comedores sociais ou malvivindo nun portal. Son os nosos veciños, ou mesmo algún familiar afastado, aqueles que poden estar a necesitar desta axuda. O ano pasado máis de 20.000 persoas foron atendidas polo Banco de Alimentos. Unha cifra que non pode deixarnos indiferentes, menos se lle sumamos a cantidade de comida que se desperdicia en cada fogar cada día.
Pero como apuntaba ao principio, aínda queda esperanza na bondade das persoas, xa que durante a pandemia o Banco de Alimentos, formado por voluntarios/as en situación de risco debido á idade, non pechou nunca. Cada semana máis de 30 persoas achéganse até el para regalar un tempo máis valioso que o ouro, e así axudar a aqueles que máis o necesitan. Non só estes senón que mesmo, en momentos puntuais, como a Gran Recollida, conseguiron xuntar a máis de 2000 voluntarios nun só día.
Aínda queda moito por facer; moitas persoas ás que dar a coñecer o magnífico labor do banco, pero imos en bo camiño e este ano, os alumnos e profesores do Colegio Hogar sumaremos as nosas forzas para que a solidariedade sexa máis forte que a necesidade.

nuria

Author: nuria

Share This Post On